A plataforma realiza un chamamento con motivo do Día Mundial da Saúde Mental

A plataforma realiza un chamamento para o 10 de outubro con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, no que se desenvolverán diversos actos reivindicativos

O MGSM denuncia a falta de planificación no ámbito da saúde mental e a diminución de recursos

· Lamentouse as graves consecuencias para as persoas con enfermidade mental e as súas familias, que reclamaron un papel máis activo na asistencia

· Evidenciouse a falta de planificación na reforma dos hospitais psiquiátricos e aseguran que se están a seguir criterios económicos e non clínicos desde a Administración

· Sinalouse a perda de dereitos dos traballadores e traballadoras do ámbito da saúde mental, que en moitos casos se atopan desbordados, non recoñecidos, con escasos equipos e sen dirección

· O anteproxecto de lei de reforma do Código Penal foi considerado como un grave retroceso lexislativo que afecta especialmente ás persoas con enfermidade mental

· Convocouse a todo o sector a organizar diferentes actos reivindicativos de cara ao 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2014. A reivindicación da calidade asistencial no ámbito da saúde mental foi o eixo da xornada do Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) celebrada este sábado 28 de xuño na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela coa asistencia de máis de 200 profesionais e persoas usuarias. Á raíz das conclusións extraídas de cada unha das cinco mesas de traballo que se desenvolveron, constatouse na asemblea final do MGSM a necesidade social desta plataforma e convocouse a todo o sector a organizar diferentes actos reivindicativos de cara ao 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.

Escoitouse a voz das persoas afectadas, profesionais do ámbito da saúde mental e do xurídico e sindical, baixo o lema “Unidos para defender o dereito a un futuro con saúde”, e extraéronse abondas conclusións que servirán como base para definir as actuacións futuras do MGSM. O anteproxecto de lei de reforma do Código Penal foi considerado como un grave retroceso lexislativo que afecta especialmente ás persoas con enfermidade mental, ao propoñer a eliminación das faltas e a volta ao concepto de “perigosidade social”, o que implica que recae sobre os profesionais médicos e da xustiza a responsabilidade de decidir quen é ou non perigoso. Ademais, denunciouse que co cambio lexislativo estaríase a vulnerar a esencia das penas privativas de liberdade, que debera ser a reinserción social e rehabilitación, substituíndo estes principios polos de segregación do diferente. Os profesionais, segundo se expuxo na Xornada, non só non atopan nesta reforma resposta aos baleiros legais cos que se atopaban ata o momento (os da contención física) senón que se declaran aínda máis desprotexidos.

A reforma dos hospitais psiquiátricos na nosa Comunidade tamén foi obxecto de reflexión, declarando que foi feita sen planificación nin obxectivos, e sinalouse que o caso do centro compostelán de Conxo é un paradigma desta realidade. Os profesionais do mesmo comentaron que non teñen coñecemento da existencia dun plan para o hospital psiquiátrico, e que ao progresivo peche de camas non seguiu unha implementación de recursos comunitarios, senón que os pacientes foron trasladados a outros dispositivos residenciais, na maior parte dos casos concertados con empresas privadas, e con menor calidade asistencial, que definiron como unha transinstitucionalización. Segundo os traballadores do centro, para os usuarios que quedan no hospital non existen programas definidos, nin liñas de actuación nin directrices, máis alá do esforzo e do traballo de cada profesional individual. O persoal de enfermaría e auxiliares tamén deu conta do que definiron como neglixencia e abandono, que veñen percibindo nos últimos anos na súa formación, que dan como resultado un empeoramento das condicións de traballo do persoal, así como da asistencia aos doentes.

A situación laboral foi o eixo central doutra das mesas de traballo, onde se chegou á conclusión de que se estaba a producir unha perda de dereitos para o persoal traballador do sector da saúde mental. Así, indicouse a fixación por parte do Ministerio de Traballo (e non do de Sanidade) da duración das baixas para cada patoloxía, a transferencia das valoracións de baixa ás mutuas (de novo empresas privadas) e a posibilidade de que estas teñan acceso ao historial médico completo do doente, vulnerando así o seu dereito á confidencialidade médico-doente. Por outra banda, os traballadores e traballadoras da sanidade declararon percibir un deterioro do seu traballo, sen dirección, sen planificación e seguindo criterios de tipo económico e non clínico, segundo se recolleu na mesa de traballo.

Expúxose como caso concreto o do hospital de Día, no que plan que existía para a rede galega de Hospitais de Día nunca chegou a implementarse por completo, e de feito nin sequera aparece mencionado nas planificacións dos últimos anos, ou é mencionado de xeito inexacto ou confuso, amosando a neglixencia e falta de interese das autoridades ao respecto, de acordo co exposto na mesa de traballo.

Indo aos casos das unidades especializadas, o panorama que se debuxou na Xornada non foi máis alentador. Profesionais de áreas como Psicoxeriatría e Saúde Mental Infanto-xuvenil constataron están a correr a mesma sorte debido ao abandono institucional, xa que se atopan desbordados e non recoñecidos, con equipos infradotados e de novo sen planificación.

Repercusión social e conculcación de dereitos

As consecuencias na sociedade deste deterioro na calidade asistencial provocado pola diminución de recursos son graves e visibles e ocupan primeiras planas dos xornais. De feito, estableceuse un vínculo evidente entre a suba das cifras de suicidio na Comunidade e o contexto económico, agravadas aínda máis pola falta de medidas sanitarias e sociais que podan paliar situacións de estrema desesperanza e necesidade.

Os usuarios reivindicaron un papel máis activo tanto das persoas con enfermidade mental como dos seus familiares na asistencia, e a través das asociacións que lles deron voz declararon atoparse nunha encrucillada, tratando de paliar o abandono institucional pero á súa vez con escasos medios, sendo quen de dar atención só a unha pequena proporción de afectados. En moitas zonas, indicaron, non existen alternativas residenciais ou ocupacionais que non pasen polas asociacións de familiares, amosando de novo o abandono por parte da  Administración.

 Más información

 

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org