O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia denuncia que a reforma prevista do Código Penal vulnera os dereitos das persoas con trastorno mental

Noticias de Interés General

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia denuncia que a reforma prevista do Código Penal vulnera os dereitos das persoas con trastorno mental

  • A normativa emitida polo Ministerio de Xustiza equipara a enfermidade mental coa perigosidade e considera á persoa con trastorno mental como suxeito perigoso.

  • Os psicólogos alertan de que a maioría das defensas ocultarán a enfermidade para afrontarse a unha condena concreta e non á posibilidade dun internamento indefinido.

  • A modificación do Código Penal non responde necesidades novas de política criminal e está motivada por prexuízos ideolóxicos e un afán populista.


Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2013. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia rexeita a reforma do Código Penal emprendida polo Ministerio de Xustiza ao considerar que atenta directamente contra os dereitos das persoas que padecen unha enfermidade mental. A modificación faise en 200 artigos do total de 639 que o forman e os cambios aféctanlles de cheo: equipara a enfermidade mental coa perigosidade e considera á persoa con trastorno mental como suxeito perigoso. 

Os profesionais da Psicoloxía denuncian que a reforma do Código Penal, actualmente en trámites no Congreso dos Deputados, non se entende nin está baseada en necesidades novas de política criminal. Sorprende mesmo ás asociacións de xuíces máis temperadas, a profesores e catedráticos de Dereito Penal e incluso ao propio Consello Xeral do Poder Xudicial, que emitiu un informe preceptivo abertamente crítico.

Con taxas de delincuencia que tenden á baixa desde hai máis dunha década, non semella aconsellable presionar aínda máis un sistema penitenciario que está á cabeza de Europa occidental en canto a número de internos. Coas estatísticas recentes, atopariámonos diante dunha reforma motivada principalmente por prexuízos ideolóxicos, que utiliza o Código Penal como instrumento de propaganda, asumindo de xeito inmoral o populismo que ante cada crime reclama máis rigor e severidade punitiva.

Medidas de seguridade a perpetuidade

Co Código Penal vixente, cando unha persoa con enfermidade mental comete un delito e é declarada inimputable por causa do seu trastorno: non se lle pode impoñer unha pena xa que non é responsable do delito cometido. O xuíz ou tribunal si poden impoñerlle unha alternativa: a chamada medida de seguridade, que pode ser privativa ou non de liberdade, como o internamento psiquiátrico ou o seguimento ambulatorio. A duración desta medida de seguridade nunca pode ser maior que o tempo de pena que se lle tería imposto no caso de ser imputable. Ademais, a negativa a someterse a tratamento ambulatorio ou a continuar un tratamento inicialmente consentido, non se considera quebrantamento desta medida de seguridade.

No proxecto de reforma, as medidas de seguridade xa non teñen esa duración limitada equivalente á pena que correspondería se a persoa fora responsable dos seus actos: poden ser aplicadas a perpetuidade. Segundo explica a exposición de motivos da reforma, desenvólvese de forma coherente o principio polo que fundamento destas medidas non reside nos feitos xulgados, senón na perigosidade do autor. Polo tanto, se esta reforma vai adiante nestes termos, no caso de que as persoas cun problema de saúde mental cometan un delito non serán xulgadas polo delito cometido senón pola súa perigosidade como suxeitos, da que se poderá inferir a posibilidade de comisión de novos delitos no futuro.   

Deste xeito, os enfermos poderán ser sentenciados a medidas de internamento en centros psiquiátricos penitenciarios durante cinco anos, prorrogables sucesivamente de cinco en cinco polo xuíz ou tribunal, previo informe da xunta de tratamento do centro. A maiores, por se non chegara con isto, unha vez extinguida a medida de internamento poderase impoñer unha medida de liberdade vixiada. Esta é outra medida de seguridade, neste caso non privativa de liberdade, cunha duración mínima de tres anos e máxima de cinco prorrogables indefinidamente tamén, que consiste no cumprimento dunha serie de obrigas entre as que se atopa o sometemento a tratamento ambulatorio de forma obrigada.

Se temos en conta que boa parte dos diagnósticos en saúde mental son catalogados como crónicos, non resulta aventurado pronosticar que a perigosidade atribuída a estas patoloxías tamén será vista como crónica e, como tales, as medidas de seguridade que se impoñan.

Ocultar a enfermidade

Se o despropósito desta reforma non se corrixe no trámite parlamentario, a estratexia de defensa das persoas cun problema de saúde mental que se vexan implicadas na comisión dun delito, pasará antes en moitos casos pola ocultación da súa doenza, para que lle impoñan unha pena predeterminada na súa duración, que por buscar a inimputabilidade que pode conlevar o internamento indefinido.

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia quere manifestar o seu apoio e adhesión ás demandas dos colectivos que desde o campo da saúde mental se ven afectados por este proxecto de  reforma  que nos retrotrae ao Código Penal de 1973 e aínda máis atrás, ás leis de vagos e maleantes e á lei de perigosidade social. 

O COPG considéraa unha reforma prexuizosa, estigmatizante e absolutamente discriminatoria, como acertadamente a define FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental). Vulnera os dereitos das persoas con trastornos mentais e contradí o regulado pola Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, de obrigado cumprimento ao ser o Estado Español un dos países asinantes da mesma. Non respeta nin sequera o disposto artigo 25.2 da Constitución Española sobre a orientación das penas cara a reeducación e a reinserción social, ademais de baleirar de contido os alicerces da Lei Orgánica Xeral Penitenciaria, a primeira gran lei da restauración democrática trala ditadura franquista.

Os profesionais da Psicoloxía conclúen que a reforma, de saír adiante tal como se presenta, está predestinada a converter os problemas de saúde e os problemas sociais, en problemas de orde público, vulnerando principios xurídicos básicos e dereitos fundamentais de todas as persoas.

 Más informacion sobre la reforma del código penal


 

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org