O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia afonda nas técnicas de autocoidado para intervenientes en emerxencias

Noticias de Interés General


Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2013.- Os membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia participarán este sábado 7 de setembro nunha actividade formativa orientada ao autocoidado para intervenientes en situacións de emerxencias. Trátase dun curso de Regulación emocional baseada en mindfulness para o autocoidado do interveniente en emerxencias e catástrofes, dirixido máis concretamente aos psicólogos e psicólogas que interviñeron no accidente do tren Alvia acontecido o 24 de xullo en Santiago de Compostela.

A técnica do mindfulness baséase na atención e na conciencia plena, e esixe unha presenza activa e reflexiva do que está a acontecer no momento presente. Deste xeito, trátase de que a persoa se centre no momento presente dun modo activo, procurando non interferir nin valorar o que se sente ou se percibe. Como procedemento terapéutico pretende que os aspectos emocionais e outros procesos non verbais, sexan aceptados e vividos na súa propia condición, sen ser evitados ou controlados.

Este curso ten como obxectivo situar o autocoidado emocional como elemento clave dentro da formación do profesional de axuda en catástrofes e emerxencias, así como o seu adestramento. O método está baseado na práctica experiencial, e achega actitudes e técnicas baseadas na atención plena que o/a profesional poida incorporalas á súa práctica. As habilidades de autocoidado para as persoas intervenientes en sucesos traumáticos como os que aborda o GIPCE son de grande importancia, xa que hai un nivel elevado de risco de desgaste para o/a profesional.

O curso será impartido pola psiquiatra Beatriz Rodríguez Vega, que exerce no Hospital Universitario La Paz. Universidad Autónoma de Madrid. É coordinadora da Unidade de Enlace e da Unidade de Psicoterapia, codirectora do Máster de Psicoterapia Perspectiva Integradora da Universidad de Alcalá de Henares, e tamén Profesora Asociada da Facultade de Medicina da Universidad Autónoma de Madrid. Os seus campos de experiencia específica son en psicoterapia especialmente na área de psicooncoloxía, dor crónico e o trauma. Na última década integrou as prácticas de mindfulness coa terapia narrativa.

O curso, que se celebrará na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en Santiago de Compostela, está incluído no programa anual de formación específica previsto para os psicólogos e psicólogas integrantes do GIPCE en 2013.

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org