O Colexio de Psicoloxía reclama a supervisión de profesionais especialistas en clínica do proxecto para o tratamento online da depresión


A respecto do proxecto Mastermind da Unión Europea, no que participa Galicia, anunciado como tratamento online para a depresión dende atención primaria, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia desexa manifestar o seu completo rexeitamento ao modo no que se implantará este programa. Desde a institución considérase que este tipo de programas deben contar sempre coa supervisión dos psicólogos/as clínicos/as do SERGAS.

A formación que reciben os médicos e médicas de familia, como a que se imparte hoxe en Vigo para 50 profesionais, de catro horas de duración, resulta a todas luces insuficiente para abordar cun mínimo de rigor un trastorno como o da depresión, máis aínda cun tratamento experimental de telemedicina.

Este programa atópase nunha fase de investigación para coñecer a potencialidade, a eficacia e a eficiencia da administración informatizada dun tratamento cognitivo-condutual para a depresión, que hoxe en día é unha das principais causas de discapacidade no mundo. Galicia deberá achegar 200 pacientes ao proxecto europeo para pór en práctica este servizo, pero desde a Administración estase anunciando como un proxecto piloto de carácter "asistencial" para tratar depresións leves (unha característica non recollida no proxecto orixinal), como alternativa complementaria e como unha axuda máis para os médicos de atención primaria. Así dáse a idea de que se trata dunha iniciativa pioneira da Xunta de Galicia que terá acceso universal, o que distorsiona o proxecto orixinal e os seus obxectivos, co que se está a poñer en risco o conxunto da investigación europea.

Tamén se implementarán videoconferencias para os pacientes tratados en atención primaria onde o médico e a persoa usuaria terán unha entrevista cun especialista para apoiar o diagnóstico, a planificación do tratamento, o seu seguimento e a educación. As e os psicólogos clínicos do SERGAS denuncian que non teñen comunicación directa coa Administración nin figuran como asesores, senón que se recorreu a especialistas en psiquiatría. É dicir, que o Mastermind estase anunciando como un tratamento psicolóxico coordinado por médicos e médicas de atención primaria que terán como referentes finais a especialistas en psiquiatría, ignorando aos especialistas en psicoloxía clínica que sería o perfil profesional idóneo para isto.  

Esta desinformación queda patente cando desde a consellería de Saúde aseguran que este tratamento "evita acudir á consulta de psicólogos clínicos, que hai poucos en atención primaria". En atención primaria non hai profesionais de psicoloxía clínica, unha demanda que vimos realizando desde o Colexio desde hai moitos anos, xa que está recomendado polas organizacións internacionais e evitaría que trastornos que poden ser detectados e tratados nunha fase máis inicial deriven en complicacións maiores e teñan que rematar en atención especializada. Máis aínda cando nin neste ano nin no anterior na Oferta Pública de Emprego (OPE) da Administración galega se convocaron prazas para especialistas en psicoloxía clínica e hai prazas por xubilación que non se están a cubrir ou incluso se presta servizo externalizándoo a través de oenegués ou fundacións privadas.

 Ver documento adjunto

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2015

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org