Unha rede de 118 terapeutas ofrece asistencia psicolóxica en Galicia a vítimas de violencia de xénero e agresores


Un total de 118 psicólogos e psicólogas asistirán este sábado 14 á xornada de formación interna dos programas de atención psicolóxica en materia de violencia de xénero que ofrece o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Estas e estes profesionais forman parte do Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero e o Programa Abramos o Círculo, dous servizos especializados que se xestionan en convenio coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia e que ofrecen unha asistencia psicolóxica especializada no ámbito da violencia de xénero tanto a vítimas como a homes que desexen mudar a súa conduta.

Na xornada de formación continua deste sábado búscase continuar traballando na especialización destas psicólogas e psicólogos, analizando os recursos dispoñibles e compartindo as propias experiencias. O Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CRI) é un dos novos recursos na Comunidade, posto en marcha en 2014, e para ofrecer información de primeira man sobre o seu funcionamento participarán Begoña Riveira Barros, directora do CRI, e Beatriz Andrés Alonso, psicóloga do centro. O marco normativo e lexislativo tamén será obxecto de análise na sesión da man da Fiscal de Violencia de Xénero en Santiago de Compostela, Pilar Fernández Pérez, que reflexionará sobre o contexto e a súa aplicación.

A segunda metade da xornada será de perfil máis participativo, onde diferentes terapeutas dos programas terán espazo para compartir experiencias e poder achegar novas ideas e desenvolver conxuntamente diferentes formas de traballar. A coordinación desta parte corre por conta de Ana Izquierdo Galante e Mª Victoria Canosa Raña, psicólogas dos programas.

Atención psicolóxica especializada

Os programas que vén desenvolvendo o Colexio Oficial de Psicoloxía buscan ofrecer uns recursos especializados de elevada calidade para evitar a agresividade na parella e abordando a problemática da violencia de xeito integral, para que tanto o agresor como a vítima saian da espiral na que están inmersos e non recaian en situacións semellantes.

Abramos o Círculo é un programa que ofrece atención psicolóxica especializada e de apoio a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, ao que recorren voluntariamente homes que desexan mudar esta situación e eliminar a agresividade na súa relación coa familia e en especial, coa súa muller. A través deste programa, ofrécese información e tamén atención psicolóxica personalizada con dous obxectivos. Por unha banda, previr a violencia de xénero, e pola outra, ofrecer atención e terapia a aqueles homes que queiran aprender a resolver conflitos sen violencia, e a comunicarse dun xeito máis adecuado coa súa familia, e en particular, coa súa parella.

O segundo dos programas que se recolle neste convenio é o de Atención Psicolóxica a Mulleres que sofren Violencia de Xénero, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. Máis dun cento de terapeutas por toda Galicia constitúen unha rede amplísima de asistencia que pode atender en menos de 48 horas a calquera muller que o solicite na súa localidade, e ao igual que no anterior programa, coa vantaxe de acudir gratuitamente a un despacho privado que non a identifica como vítima de violencia de xénero e que lle garante a privacidade.

Este Programa permite ofertar recursos terapéuticos para que as mulleres, menores e persoas dependentes destas mulleres, como pais ou nais enfermos, poidan recuperarse da situación que viviron, así como facilitar unha evolución posterior a partir desta terrible experiencia que lles permita abordar as relacións doutra forma e evitar que se repitan situacións parecidas. Deste xeito foméntase a adquisición de habilidades e capacidades que lles faciliten lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral, e reforzar a súa autoestima, ademais de contribuír á súa recuperación. Ademais, grazas a un protocolo conxunto coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, este servizo é accesible tamén para persoas con discapacidade auditiva ao facilitarse un servizo de intérpretes.

Estas e estes terapeutas levan a cabo a intervención profesional que engloba asistencias e consultas as persoas beneficiarias, asistencia oral en xuízo por parte das psicólogas e psicólogos do programa, así como a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias. Mediante un protocolo de activación e intervención conxunto do Programa de Asistencia a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero e do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG, inclúese a cobertura da asistencia domiciliaria en caso de morte por violencia de xénero con carácter de urxencia e en días non laborables, de ser preciso, que se activa a través do 112.

Fonte: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 12 de marzo 2015

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org