O 15 de xuño, Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e do Maltrato na Vellez


O 5% das persoas maiores sofre malos tratos, sobre todo en casos de dependencia

Co gallo do Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e do Maltrato na Vellez, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lembra que un 5% das persoas maiores de 65 anos sofre malos tratos, de acordo cos datos da Sociedad Española de Medicina de Familia y Comunitaria (SemFYC). Neste sentido desexa manifestar  o seu rexeitamento aos abusos e aos sufrimentos infrinxidos ás persoas maiores, máis aínda na nosa Comunidade, que presenta unha poboación maior de 65 anos do 23%, fronte á media do 18% do conxunto do Estado.

Esta situación de maltrato exércese especialmente contra a muller, en 2 de cada 3 casos, e increméntase notablemente en casos de dependencia; un grave problema social sobre o que cómpre concienciar e denunciar para contribuír á súa erradicación. A experiencia e a sabedoría son puntos positivos, polo que é preciso considerar as persoas maiores como membros valiosos da nosa sociedade e, neste sentido, as administracións deben propoñer fórmulas para que poidan compartir esa bagaxe.

É preciso que se poñan en funcionamento servizos específicos destinados a previr e/ou a intervir no maltrato á persoa maior e así asegurala e protexela. É recomendable promover tamén un coidado adecuado en aspectos como a alimentación, o vestido, a hixiene ou outros aspectos persoais, centrado no bo trato, respectando as súas propias eleccións e promovendo a súa participación.

Pero ademais é fundamental o coidado á persoa coidadora, a través de servizos de apoio psicolóxico para aliviar a sensación de sobrecarga que aparece froito do estrés dos coidados. Esta atención psicolóxica debe chegar tamén ás propias persoas maiores, para que poidan traballar as súas emocións, os seus sentimentos, os seus desexos, proxectar o seu futuro, facilitar a súa toma de decisións, o seu desenvolvemento persoal e afectivo, etc., durante o resto da súa vida.

A linguaxe estigmatizante en alusión a este colectivo como “clase pasiva”, “enfermo/a de...” debe ser eliminada, máis aínda cando na actual situación económica se converteron no sostén de moitas familias. As relacións sociais cómpre que se fomenten para evitar o illamento social, que é un dos principais problemas que lles afectan. Tamén é interesante resaltar a importancia dun bo deseño ambiental, con contornas saudables, accesibles, cómodas, seguras e significativas.

As consecuencias do maltrato, en calquera das súas formas, é un grave problema social que permanece oculto e que afecta á saúde e aos dereitos humanos de millóns de persoas en todo o mundo. É preciso tomar conciencia da cantidade e da gravidade das situacións de maltrato que sofre a poboación maior, sobre todo tendo en conta as tendencias ao envellecemento da sociedade galega.

Fonte: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 13 junio 2015

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org