Terapeutas de atención psicolóxica en violencia de xénero afondan no plano xudicial


As psicólogas e psicólogos especializados en violencia de xénero do COPG realizarán este sábado 13 de xuño unha actividade formativa orientada á mellora do seu exercicio especialmente no ámbito xudicial.

Esta acción, que se realizará na Escola Galega de Administración Pública, está dirixida ao conxunto de terapeutas que integran os dous programas de atención psicolóxica especializada e gratuíta que ofrece o COPG a través dun convenio coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para atender tanto a mulleres vítimas de violencia de xénero como a homes que desexan romper coa agresividade nas súas relacións de parella.

A psicóloga acreditada destes programas Carmen Morell Muñoz explicará as diferentes ferramentas para poder desenvolvernos no ámbito xudicial como terapeutas dos devanditos programas. Debido ao tipo de casos que se atenden, en moitos casos teñen procesos penais abertos ou susceptibles de iniciarse nun futuro, é preciso que as e os profesionais que integran esta rede afonden no plano xudicial.

Previamente, a avogada e asesora xurídica do COPG, Cecilia Barros Díaz, exporá a necesidade de empregar diferentes documentos de xestión interna para un axeitado funcionamento dos programas. Esta homoxeneización na actuación pretende consolidar un marco de calidade e excelencia, un dos obxectivos que se persegue na práctica dos programas.

Atención psicolóxica en violencia de xénero

Os programas que vén desenvolvendo o Colexio Oficial de Psicoloxía buscan ofrecer uns recursos gratuítos e especializados de elevada calidade para evitar a agresividade na parella e abordando a problemática da violencia de xeito integral, para que tanto o agresor como a vítima saian da espiral na que están inmersos e non recaian en situacións semellantes.

Abramos o Círculo é un programa ao que recorren voluntariamente homes que desexan eliminar a agresividade na súa relación coa familia e en especial, coa súa muller. A través deste programa, ofrécese información e tamén atención psicolóxica personalizada con dous obxectivos. Por unha banda, previr a violencia de xénero, e pola outra, ofrecer atención e terapia a aqueles homes que queiran aprender a resolver conflitos sen violencia, e a comunicarse dun xeito máis adecuado coa súa familia, e en particular, coa súa parella.

O segundo dos programas que se recolle neste convenio é o de Atención Psicolóxica a Mulleres que sofren Violencia de Xénero. Este Programa permite ofertar recursos terapéuticos para que as mulleres, menores e persoas dependentes destas mulleres, como pais ou nais enfermos, poidan recuperarse da situación que viviron, así como facilitar unha evolución posterior a partir desta terrible experiencia que lles permita abordar as relacións doutra forma e evitar que se repitan situacións parecidas. Ademais, grazas a un protocolo conxunto coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, este servizo é accesible tamén para persoas con discapacidade auditiva ao facilitarse un servizo de intérpretes. Tamén mantén desde 2014 un protocolo de actuación conxunta co Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG para aqueles casos de asasinato por violencia contra a muller, nos que interveñen en parella un/unha psicólogo/a de emerxencias xunto cun/cunha terapeuta do programa.

Ambos programas comprenden tamén a realización de actividades formativas para as psicólogas e psicólogos vinculados, primeiro de integración de novos e novas terapeutas, para homoxeneizar os criterios de actuación, respectando o enfoque de traballo dos e das profesionais e incorporando unha mirada especializada para abordar este tipo de situacións especiais a nivel terapéutico, coa intención de definir un marco común para entender a problemática da violencia contra a muller de forma integral. Accións formativas como a deste sábado tentan fomentar a especialización a través dun programa formativo específico e de calidade que persigue a excelencia na práctica.

Fonte: Colexio Oficial de Psicoloxía
Data: 11 xuño 2015

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org