Máis de 40 profesionais da psicoloxía prepáranse para intervir en emerxencias


A partir de mañá venres 24 de abril, un total de 45 psicólogos e psicólogas capacitaranse para intervir en emerxencias e catástrofes grazas a un curso que se realizará en catro sesións en Santiago de Compostela. Nesta formación proposta polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia coñecerán as pautas nas actuacións do GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) do COPG e poderán adquirir os coñecementos, técnicas e habilidades para o desempeño profesional en contextos de emerxencias.

No curso analizaranse as distintas reaccións individuais e grupais das persoas afectadas que poden experimentar en situacións de catástrofes e emerxencias e que tipo de trastornos poden asociarse. Así mesmo, revisarase o papel e a función do psicólogo ou psicóloga, os seus obxectivos e os principios de actuación, así como as ferramentas que teñen á súa disposición, tendo en conta as características específicas deste tipo de circunstancias. A planificación, a xestión da información e a comunicación serán obxecto de reflexión nas xornadas, pero tamén se terá en conta o coidado dos e das intervenientes.

Unha das docentes será Ana Isabel Martínez Arranz, membro do GIPCE desde 2004 e coordinadora do mesmo de 2006. É terapeuta familiar e desenvolve a súa actividade profesional desde hai máis de trece anos no Concello de Camariñas (A Coruña), cunha extensa experiencia en psicoloxía de emerxencias. A segunda das docentes será e Mª Carmen González Hermo, que fai parte do GIPCE desde hai unha década e que hai cinco anos entrou na súa Comisión Coordinadora. Exerce como psicóloga na Asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional.

O curso, de perfil teórico-práctico, impartirase o 24 e 25 de abril e o 8 e 9 de maio na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía, en Santiago de Compostela.

O GIPCE

O GIPCE é un grupo de psicólogos e psicólogas colexiados e especializados na atención psicolóxica en situacións de emerxencia e catástrofes. Coa súa intervención procuran minimizar o impacto nas persoas afectadas, restaurar as súas capacidades e recursos para que poidan resolver o máis eficazmente a situación de estrés e previr posibles problemas psicolóxicos posteriores. Tamén asesoran a dirección da emerxencia sobre o impacto psicolóxico das súas actuacións nos colectivos afectados, e realizan unha tarefa de autocoidado do grupo, intervindo para diminuír o nivel de estrés dos intervenientes tras realizar unha intervención.

O GIPCE intervén durante o tempo que dura a situación crítica, en contextos como accidentes, inundacións, naufraxios, desaparicións, secuestros, situacións de violencia, etc., nas que haxa persoas afectadas que precisen de atención psicolóxica, e sempre e cando as persoas afectadas acepten a súa participación. Pertence ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e desde o ano 1997 conta cun convenio coa Xunta de Galicia. A súa andaina comezou en 1996, cos movementos sísmicos de Lugo e Ourense, baixo o nome de Grupo de Protección Civil. A partir dos atentados do 11-M no 2004 deu un salto cualitativo e cuantitativo, e xerouse unha rede de profesionais capaz de dar unha resposta eficaz neste tipo de situacións as 24 horas do día durante os 365 días do ano na nosa comunidade.

Fonte: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 23/04/2015


Máis información:
 Arquivo adxunto

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org