Profesionais da psicoloxía dos psicotécnicos demandan unha maior comunicación coa Administración para reducir a sinistralidade nas estradas galegas


O colectivo de profesionais da psicoloxía que desempeña o seu labor nos psicotécnicos de Galicia representados a través do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia demanda unha comunicación máis fluída coa Administración co fin de unificar criterios e poder traballar na mesma dirección co obxectivo de reducir a sinistralidade nas estradas galegas.

De feito, un motivo de preocupación especial é o envellecemento que caracteriza a poboación galega en xeral e tamén á condutora, dado que unha maior idade implica unha maior probabilidade de déficit cognitivo e, polo tanto, unha maior necesidade de seguimento do mantemento das súas capacidades mentais. Hai máis de dous anos que desde o COPG ofrecemos formación continua específica sobre a avaliación de capacidades cognitivas e neste 2015 continúase na mesma liña, coa próxima sesión programada para o 23 de maio que leva como título “Avaliación neuropsicolóxica de persoas maiores no contexto de tráfico. Probas de cribaxe”.

Hai máis de cinco anos, co cambio da normativa, xa se expresou o desacordo coa aplicación dos prazos legais para maiores de 70 anos, dado que significa un peor seguimento da evolución do deterioro cognitivo. Cómpre ter en conta que en menos dous anos pódese perder máis do 70% das capacidades psicolóxicas necesarias para a condución.

Desde o COPG cónstanos que a maioría dos e das profesionais da psicoloxía gardan un compromiso e exercen con rigor no seu desempeño profesional; de aí que acudan a criterios psicolóxicos con puntuacións inferiores á media en varios aspectos (reaccións múltiples, coordinación, anticipación da velocidade, toma de decisións...) como factores para a necesidade de redución do período de vixencia do permiso de conducir.

Neste exercicio profesional, o adecuado desempeño deberá camiñar na procura do equilibrio entre o envellecemento da poboación condutora, a dispersión poboacional e a necesidade de mobilidade. Máis aínda en Galicia, onde máis do 23% dos habitantes supera os 65 anos de idade, moi por riba da media do Estado, que se sitúa no 18%. Desde os centros psicotécnicos trátase de actuar aténdose a este contexto á hora de valorar o risco coas posibilidades dispoñibles, como as limitacións do radio de acción, da condución nocturna, ou do tempo e velocidade, así como a posibilidade de obrigatoriedade da condución acompañada ou a prohibición de condución por autoestrada.

Estes profesionais veñen realizando diariamente un labor pedagóxico e de concienciación aos condutores e condutoras, co fin de conseguir maior responsabilidade ao volante, malia as contradicións e incoherencias legais coas que se atopan. Así mesmo cómpre sinalar a necesidade de intervención dos e das profesionais da psicoloxía durante o proceso formativo como futuros condutores en favor da prevención e non só na rehabilitación de condutores con tempos tan limitados, condicionando así tamén os efectos de intervencións psicolóxicas.

En todo caso, e con motivo da Operación Especial de Tráfico desta Semana Santa, como representantes do COPG en nome do colectivo de profesionais da psicoloxía que desempeñan o seu labor profesional nos psicotécnicos, desexan felicitar a toda a sociedade galega por, maila a todo, continuar reducindo a cifra de persoas falecidas nas nosas estradas.

Fuente: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 8 abril 2015

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  881 168 635 _ 600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org