Un ano da Lei de Inclusión Social de Galicia


Facendo memoria, recordaremos que esta lei (Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia) se aprobou o 31 de decembro de 2013, e non sen poucas críticas, pois dicíase que “chegaba tarde” e que “non garantía dereitos” ás persoas en risco de exclusión. Iso non quita que fose e estea a ser unha lei moi necesaria para abordar as situacións de vulnerabilidade que se dan no país.

Aspectos como a RISGA, que debería cambiarse por unha renda básica universal, a consolidación e dotación dos equipos de inclusión, ou o apoio competencial ós concellos nesta tarefa deben ser puntos clave na axenda política ademais de ser preciso repensar os efectos e consecuencias desta lei e a valoración da súa aplicación despois de transcorrido un ano.

A nosa valoración, despois de ter transcorrido este ano é bastante escéptica, pois ningunha normativa ten vida sen unha partida orzamentaria que a sustente, se non garante dereitos. Neste caso, o único orzamento do II Plan Galego de Inclusión Social recolle as nóminas das técnicas, limitando en grande medida as accións a desenvolver cara un importante número da poboación, facendo crónica dunha situación que debería ser temporal e puntual.

O pago de RISGAS e AIS (únicas axudas sociais que hai na actualidade no noso país) teñen unha demora de tramitación de máis de oito meses. E son axudas restritivas, condicionadas e  escasas que supoñen un instrumento de fiscalización, de exclusión, de pobreza e perpetuación da esmola asistencial.

Na actualidade, existe unha constante  agresión dos dereitos que se xustifican na falta de medios económicos, culpabilizando á poboación máis empobrecida, dun colapso dos recursos e  axudas sociais.

Cando se anunciou a lei falábase da potenciación da inserción laboral en Galicia, debido ós novos tramos (persoal e familiar; inserción; transición ó emprego) da nova RISGA. Gustaríanos saber se xa temos datos concretos para asegurar esta afirmación ou se nos temos que preocupar porque isto non saíu como esperaban. Tamén temos curiosidade por coñecer ata que punto se deu esa acción coordinada entre os servizos sociais comunitarios e o persoal técnico do Servizo público de emprego.

O caso é que estes días estamos a revisar o 1º borrador do Informe de obxectivos e medidas  da estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020 e ogallá poida atender coordinadamente o que tamén recolle a Lei de inclusión social de Galicia (educación, saúde, vivenda e emprego), pois vemos que se repiten obxectivos, pero que non se ven resultados claros.

Sabemos que aínda está pendente a publicación do decreto que veña a desenvolver e aclarar a citada lei pero que foi do Plan Integral de transformación? Como levar a cabo o artigo 55. Acordo para a integración socioeducativa dos nenos e as nenas? E a Rede de equipos de inclusión sociolaboral, por que non se reforzan?, por que non se dotan dos recursos necesarios para atender ao seu cometido? por que desde hai anos temos que limitarnos a derivar e adaptar á oferta de actividades do terceiro sector, que por outra banda é moi puntual, insuficiente e non sempre idónea para atender ás necesidades das persoas coas que traballamos?

A transformación social e o cambio vén grazas á responsabilidade individual, sen dúbida, e colectiva, tamén, pero a administración non pode mirar para outro lado e ten a súa propia responsabilidade institucional e un compromiso adquirido coa cidadanía. E nós, como colectivo xunto con outros moitos, esiximos respostas concretas e urxentes que aseguren os recursos suficientes para atender as necesidades básicas das persoas e vivir con dignidade.  Traballar e organizarnos  para superar estes modelos pechados e teñamos outros máis xustos, redistributivos, liberadores e transformadores onde as persoas contemos algo máis que un número. Para iso, é tempo de educación social!


Fonte: Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia
Data: 15 de decembro 2014

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org