O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia oponse ao desmantelamento da rede de Centros de Orientación Familiar

Noticias de Interés General


O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia oponse ao desmantelamento da rede de Centros de Orientación Familiar

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2013.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia oponse ao progresivo desmantelamento que está a sufrir a rede de Centros de Orientación Familiar (COF) nas diferentes localidades de Galicia. Con este motivo, a institución vén de adherirse ao Manifesto polo Dereito a unha Atención Pública e de Calidade da Saúde Sexual e Reprodutiva, xunto coa Plataforma SOS Sanidade Pública, o colectivo de profesionais dos COF de Galicia, a Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas e a Plataforma pola Defensa do Dereito ao Aborto.

A través deste Manifesto pretende denunciarse como pouco a pouco, se está asistindo á destrución de diferentes prazas dos traballadores e traballadoras dos dez COF que operan en Galicia, o que redunda na perda dos dereitos sanitarios e da calidade asistencial, xa que implica un grave retroceso nos dereitos sexuais e reprodutivos especialmente das mulleres.

En Galicia, o COF é o único lugar do sistema de saúde onde se trata a prevención de embarazos non desexados, a prevención de enfermidades de transmisión sexual, a problemática de saúde afectivosexual (disfuncións sexuais, problemática de parella, problemática psicolóxica derivada das agresións sexuais...); proporciónase apoio e formación para profesionais da Atención Primaria, así como se xestiona a demanda de interrupción voluntaria do embarazo. O desmantelamento dos COF, xunto con outras medidas legais que se están debatendo, como a posible reforma da Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo, están a producir un grave retroceso en relación aos dereitos e liberdades das persoas en xeral e á saúde das mulleres en particular.

De acordo co recollido no Manifesto, a través desta deterioración dos COF preténdese transformar unha atención integral nunha asistencial, trasladando o peso á Atención Primaria; dispersar a atención de anticoncepción na rede sanitaria; suprimir as consultas de saúde afectivo-sexual; dificultar o acceso á interrupción voluntaria do embarazo; e favorecer as consultas privadas.

Os COF en Galicia van perdendo persoal e por tanto, tamén mingua a súa capacidade de intervención, correndo o risco de desaparecer en si mesmos, co que a atención, a protección e a promoción da saúde sexual no ámbito público quedaría totalmente desatendida. A capacidade dos servizos de Atención Primaria demóstrase xa insuficiente e máis aínda sen equipos de apoio como os COF. Este abandono supón un grave retroceso nas garantías da sanidade pública e a vulneración de dereitos básicos de saúde, dos que a saúde sexual, reprodutiva e afectiva forma parte indiscutible da saúde integral das persoas.

·  Listaxe por cada un dos COF afectados coa perda de profesionais e servizos afectados (Ferrol, Santiago, A Coruña, Ourense, Ribadavia/O Carballiño, Lugo, Monforte, Vigo y Pontevedra).

·  Manifesto polo Dereito a unha Atención Pública e de Calidade da Saúde Sexual e Reprodutiva.

·  Ver más información

Contacto Unión Profesional de Galicia

Sede Social

Rúa do Banquete de Conxo, 6
15706 Santiago de Compostela
http://www.unionprofesionaldegalicia.org

Cómo llegar
Ver plano

Secretaría Técnica
Tel.  600 766 276
secretaria@unionprofesionaldegalicia.org

 

Gabinete de Prensa
Tel. 679 486 961
prensa@unionprofesionaldegalicia.org